Categoría: Acción Social

O Partido Popular esquece a sanidade na súa campaña electoral en Cuntis

É o momento de levar ás urnas os aplausos do confinamento, o agradecemento aos sanitarios/as e a todo o persoal que arriscou a súa integridade traballando para manter a liña da vida nunha situación tan excepcional como a que vivimos fronte a un Partido Popular que xestionou de maneira electoralista a crise sanitaria e que mesmo aínda hoxe está a especular con ela en función dos seus intereses. É o momento de ter un goberno que reforce os servizos públicos e non un que os precarice.

É o momento

Os once anos de Goberno de Alberto Núñez Feijóo foron especialmente lesivos para Cuntis. É o momento de levar ás urnas as mobilizacións en defensa do servizo de pediatría, as reclamacións pola deficiente atención sanitaria no noso Centro de Saúde, o agradecemento ao persoal sanitario durante o confinamento ou a indignación colectiva ante o abandono ao que o Goberno Galego nos someteu nos últimos anos. Para construírmos o futuro, hai que botalos.

Enfrontar xuntas a crise, saírmos fortes dela

A crise económica que o coronavirus agocha detrás está a afectar xa a familias, traballadores/as e negocios locais no noso concello, igual que nos do resto do País. Co convencemento de que debemos enfrontala xuntos/as e con responsabilidade, vimos de presentar un documento de medidas económicas ao Goberno Local para que o concello de Cuntis considere no proceso de desescalada gradual do confinamento e recuperación da actividade habitual.